lunes, 18 de agosto de 2014

This is Lugo, don't deny it

Orixe, Ourense. Destino, Meira. Parada, Vilalba. Adoecer de calor e poñer a chaqueta; comer e comer. Botar un baile, facer un percorrido polas carpas dos veciños e mexar entre o millo. Así e a "Xira"; ninguén sabe porqué se chama así. Supoño que porqué a xente comeza "xirando" polo campo e remata "xirando" sobre sí mesma; xa vos imaxinades a razón.

Pola mañá, pelar patacas e facer tortillas. Cociñar para moitos ("mellor que sobre e non que falte"). Cargar coches e subir a comida ata o campo. Descargar. Atopar algún coñecido na carpa do lado. Tomar o vermú; quen di un, di varios (Meira é o concello con maior consumo de vermú de toda España). Comentar a noticia do día (o camión da orquesta tirou coa fonte da praza, unha desgraza). Comezar a comer.

Pola tarde, charlar e interesarse pola gandería de fulano de tal ("en cantos litros está?"). Visitar outras "merendas" na procura dalgún home con tractor amarelo (descubrir, infelizmente, que non hai). Coñecer as persoalidades do lugar; o antigo alcalde e algún mais. Tomar un dixestivo. Descubrir quen é Avelino Díaz. Camiñar "do gancho" do mais "chulo" de Meira; dar que falar. Seguir comendo.

Pola noite, escoitar os chistes do cura desde o palco da orquesta. Presenzar o sorteo dun par de cabritos (meus pobres). Bailar unha cumbia tras outra. Tremer co frío. Aprender os ditos locais; indagar. Rexuvenecer cando te chaman "pequena". Tomar algo quentiño. Recoller e rematar de comer.

Din por ahí, "xente de Meira, tropa lixeira". Eu digo, "xente de Meira, tropa festeira". Estar fóra da casa e sentirse en familia. Coñecer outra cara de Galicia; descubrir a idiosincrasia dunha provincia. Conversar, bailar e, ante todo, "papar".

No hay comentarios:

Publicar un comentario