lunes, 19 de enero de 2015

Memorias dun avó galego

Teño a ben parafrasear a novela de Neira Vilas ("Memorias dun neno labrego") para titular as lembranzas do meu avó que, se ben poden asemellarse ás doutros avós galegos, por tratarse do meu, son para min aínda mais especiais. Esta é a historia de Xosé Dopazo Montes, de 89 anos de idade, "Pepe" para os amigos, "Montes" para os veciños. Un relato que meu avó tivo a xentileza de compartir comigo este Nadal e que eu comparto agora con vós (en galego, no noso "código", coma el mo contou) despois de ordealo cronolóxicamente. Sentado no sofá, ataviado con gorro, bata e pantufas e con bágoas nos seus ollos, cada vez mais pequeniños.

Xosé Dopazo Montes naceu o 28 de xullo de 1925 en Monteasnal (Ourense), a aldea do seu pai. Fillo de Primitiva e Venerando, alí viviu ata os seis anos de idade, na compaña da familia paterna; dos seus tíos Luis, Lolindes e Leticia e dos seus curmáns, Luis, Darío, Venerando, Rolindes e Benjamín (en canto aos nomes, poño en dúbida a súa orixinalidade). Desta época, non ten moitos recordos, agás cando lle tiraba pedras ao seu tío desde a varanda. "Os cativos, que fan estas cousas". O que sí lembra é o día no que morreu o seu pai, que era diabético ("porque na mili comera moito pan") e que con seis aniños tentou consolar a súa nai, dicindo "mamá, non chores tanto".

Orfo de pai, Xosé e a súa nai foron para Viña, "vivir co cura" , que era irmán da madriña da súa nai e que se chamaba Primitiva tamén. Disque as augas de Carballiño eran boas para o fígado e ela ía tomalas. Na retoral, había outro Xosé, sobriño do cura e mestre de profesión, que acabou por casar en Pobra de Broullón. Xosé comezou de "monaguillo", axudando na misa. As mulleres, no día de Ramos, dábanlle ramiños de loureiro para lle por a Virxe.
Con oito anos, foi a escola por vez primeira; de neno, xogaba a agocharse nos campos de cereais (cando "a ferraia"- centeo- estaba alto no marzo). Traballaba no campo: ir coas vacas ao pasto, "rozar" para facer esterco, coidar do cabalo e "botar as patacas pola Santa Águeda". Un día, cando ía buscar leña, emborcou o carro e o cura deulle no cú cun "vergallo". Cando o antigo sacristán morreu, ocupou a vacante, o cura díxo... "o sacristán vai ser o señorito" e así, acabou soterrando mortos. Naquel tempo, chegou o maestro cun xornal que puña "Azaña presidente", na barbería, os mozos berraban "Viva Rusia" e na boca da xente estaba o nome de Largo Caballero.

Cando había enterramento, viñan os curas e Xosé ía a pé ata Cea para mercar carne para que comeran; a Xosé, os curas "queríano pola vida". Na Pascua, ían polas aldeas bendicindo as casas e os feligreses, que os tiñan en alta estima, agasallábanos con cabritos, polos e cestas de ovos. Naqueles anos, Xosé comezou a ir as festas, grazas a que súa nai lle tiraba a chave pola fiestra, porque o cura pechaba a porta. Tivo moitas mozas, en Viduedo, en Borulfe, en Pazos de Monte... Cando cumpliu os dezaoito anos, recibiu a carta do servizo militar pero librou por ser fillo de viúva.
Xosé e a súa nai foron logo para "O Tellado", onde tivo outra moza; esta "érache ben parecida", chamábase Rosita; pero ao final, foise cun fabricante de madeira. Naquel tempo, a garda civil visitaba ao cura, a pregunta era... "A quen levamos?" El respondía, "a ningún, todos son bós". Disque a un veciño de Louredo quixérono queimar por comunista. O curra morreu no ano 47. CONTINUARÁ...

No hay comentarios:

Publicar un comentario