domingo, 5 de octubre de 2014

A Fonsagrada, paraíso natural

Néboa e vacas, estradas con curvas, o galego do bloque oriental (plural en -ois). Perder o sinal da radio, volvelo a recuperar. Descubrir novas expresións, "choer os xatos". A uns cincuenta quilómetros de Lugo, na fronteira entre Galicia e Asturias, "A Fonsagrada", paraíso natural. "Tás ou non tás?".

Visitar a granxa de "Normita", de Domingo, de Javi, de Toñito e dalgún máis. Tomar un café en vaso, botar un conto na cociña. Normita caeu tornando das vacas; levanta a camisa e amosa as súas feridas ("porque hai confianza"). O marido berra con ela "por facer cousas que non debes, tache ben". Recomendarlle unha visita ao médico. Procurar un mozo para a veterinaria; aínda que, os solteiros que hai "sonche maiores para ti".

Cambiar as casas polas mangas no curuto da montaña, "quecer ao sol". Sangrado, "vacuna" e desparasitación. Levantar rabos, "disparar". Cuestionario obrigado de estado civil, afirmación categórica do gandeiro "algo terá". Parada no Ventorrillo para comer. Turno de tarde noutra finca na que é complicado acceder. Parada para a cervexa; papeis e mais papeis. Rematar coas vacas bravas e algún xato que queda por chapear ("adiantarse ao saneamento, polo que poida pasar").

Volver ao campo; retomar contacto coa xente e as vacas, un pracer para min. Disfutar das mellores vistas e paisaxes; coñecer a grandes "personaxes", amplia-lo vocabulario. De seguro, volverei; senón de veterinaria; se cadra, de secretaria (como din os gandeiros, "por suposto, con minifalda").

No hay comentarios:

Publicar un comentario