jueves, 17 de julio de 2014

De ruta pola Terra Chá

Que a provincia de Lugo ten fermosos paisaxes, non é ningunha novidade. Castiñeiros e piñeiros, gando e pacas de feio nas ladeiras das montañas. Ar limpo. Lugares de difícil acceso. Un café tras outro. Xente acolledora e moi agradecida. As marabillas da profesión veterinaria, rabaños de ovellas, cans e pastores. Experiencias e persoas que quedan no corazón. A Terriña Chá. O seu encanto. E hoxe, teño ganas de contárvolo en galego.

A xornada comeza cun café xunto ao Mosteiro de Samos. Pola mañá cedo, só atopamos peregrinos. Rumbo a Triacastela. Chegamos a casa de Soledad, que nos convida a outro café. Poñemos as botas. O seu fillo levános nunha camioneta onde están as ovellas (inaccesible para o noso vehículo); imos dando choutos polo camiño, coa ventanilla pechada para non tragar po. No curuto, o sol peta forte. As vistas son increíbles. Pelexamos coas ovellas para que non fuxan do curro. Sacamos as botas. Voltamos a cociña de Soledad. Tomamos ameixas fresquiñas e o devandito café (só e de pota), iso que non falte.

Montamos no coche. Voltamos a Samos. Quedamos con Pío, tallante e gandeiro, na súa carnicería. Convídanos a comer. Mándanos a Remigio para suxeitar as ovellas para "chapear". Poñemos as botas, facemó-lo traballo, sacamos as botas. Tomamos unha cervexa fresquiña nunha terraza antes de ir comer. Disfrutamos da sombra. Acudimos a cita con Pío e a súa señora, excelentísima cociñeira. Embutidos da casa, tortilla, "filete do carniceiro"; e a repetir unha e outra vez. A señora "non porfía ás mulleres", aos homes sí... "non deixedes a vergoña". Queixo e membrillo; e para rematar, outro café. Tamén algún dixestivo, non vos vou enganar.

Montamos outra vez na furgoneta, esta vez, fartos coma bois. Dirixímonos á última explotación do día. O nome do propietario, esquecíno. Cando chegamos, xa agardan por nós. O avó, o neto e mailo seu amigo. Poñemos as botas. Recollemos sangue e merda. Sacamos as botas. Parolamos co home; que aos seus 94 anos, conserva as súas facultades intactas (físicas e mentais) e ten corda para un bó anaco. Despídese de min dicindo... "Nena, ten conta cos ourensáns". Arríncame un sorriso, recórdame a meu avó. Quen chegara así a súa idade. Os rapaces fan realidade un dos meus soños, montar en tractor. Fico feliz e moi agradecida. Antes de retornar a Lugo, outra cerveciña a carón do Mosteiro.

Un día inesquecible, que agardo repetir pronto. A boa vida do veterinario do rural galego. Un sitio privilexiado na mesa. Un café alá onde vai. Noticias e historias dos veciños. O cariño e a gratitude da xentiña lucense. Eu, a todos eles, só podo dicirlle unha cousa: GRACIÑAS.

No hay comentarios:

Publicar un comentario