martes, 9 de septiembre de 2014

Criaturas

No programa de hoxe, seguimos a coñecer o rural galego na procura de “cagallas” de cabras e ovellas. Hoxe, desprazámonos ata Teixeiro, camiño de Santiago.

Cando chegamos, o gandeiro, que leva media hora agardando; sinala o reloxo con xesto contrariado, debaixo da súa gorra enzoufada (“Lanzarote”). Entramos a corte seguidos por un amigable mastín, que nos lapa os brazos en sinal de benvida. Pelexamos un anaco coas ovellas, descubrimos que pegan choutos e tiran coas vaias (aínda que non tanto coma as cabras), e que tampouco, son tan “parvas”.

Conversamos cos veciños, a berros, dende unha casa a outra. Falamos do tempo, das festas, da xuventude, do tabaco, da calor que vai. Enfronte a nós, unha señora cun mandil de cadros dille a un raparigo que anda a brincar “Vas caer”. O rapaz fala coma un vello (con retranca); coa súa gorra de “España”, xa pode ser gandeiro. Lévanos ata a corte, da ordes ao can, gasta bromas aos maiores, sabe de termos veterinarios; sen dúbida, é o rei da casa.

Seguidamente, desprazámonos ata Melide, última visita programada. Alí agarda unha gandeira exemplar, que chama polo nome as súas ovellas (grandes, de cabeza negra, da raza “Suffolk”). Os rapaces da granxa botan unha ollada cara o coche, míranse entre eles, sorrín (“esta rapaza é nova”, digo eu que pensarán). De fondo, música de “pachanga”. Revisamos o macho e facemos unha visita a enfermaría. Os rapaces arrancan os tractores; de tódalas cores, excepto amarelo.

Finalmente, voltamos a Lugo cunha bolsa chea de merda e de anécdotas que contar. Ar fresco nos pulmóns, cheiro a silo no nariz. A beleza do campo na nosa mente, o agarimo que nos da a súa xente. Un sorriso nos beizos. De seguro, repetiremos. Polo de agora, ata o próximo programa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario